Thursday 02 de May de 2024

O Concello renova o seu apoio a Aspace para lles dar máis visibilidade ás persoas con parálise cerebral


 

A alcaldesa Inés Rey reuniuse esta mañá co presidente da entidade, Antolín Rodríguez, para coñecer os proxectos e servizos que lles presta a entidade ás persoas con parálise cerebral e ás súas familias

A alcaldesa Inés Rey e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira. reuníronse esta mañá co presidente de Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral, ASPACE Coruña, Antolín Rodríguez, ao que lle expresaron a intención do Goberno local de seguir traballando coa entidade e apoiándoa na organización de eventos que lle dean visibilidade ao colectivo.

O encontro enmárcase dentro da rolda de contactos que a alcaldesa mantén con distintas entidades sociosanitarias da cidade para coñecer de primeira man a situación dos proxectos e servizos que desenvolven.

Na actualidade, o Concello subvenciona, a través dun convenio, o servizo de respiro familiar, apoio e orientación a coidadoras/es de persoas con parálise cerebral que a entidade presta. Trátase dunha prestación pensada para que as e os coidadores habituais de persoas dependentes poidan gozar dunhas vacacións algunha vez.

Durante a xuntanza, ademais de presentar o traballo e as actuacións que desenvolve a asociación, o presidente Antolín Rodríguez e a directora xerente, Sonia Ruiz, e o presidente da Fundación Aspace, Eulogio López, mostraron a

disposición da asociación ASPACE Coruña para participar no Comité de accesibilidade do Concello.

Por outra banda, a edil de Benestar Social explicou que o Concello mantén distintas liñas de colaboración con entidades da cidade que traballan na integración de persoas con discapacidade intelectual coas que participa na celebración do Día da Discapacidade que se organiza co lema “Baixo o mesmo paraugas”.

Ao finalizar o encontro, a alcaldesa e a concelleira confirmaron que visitarán no mes de outubro as instalacións de Aspace no concello de Sada que inclúen o Centro de Día, o Centro Residencial e o Centro Educativo.